O OCÉANO COMO PAIXÓN
María de los Ángeles Alvariño naceu en Ferrol no ano 1916. Desde nena amosou un grande interese por todo o que a rodeaba: o mar, os animais, as plantas, a música... Os seus pais puideron atender as súas inquietudes e aos tres anos xa sabía ler, enseguida aprendeu solfexo e gustáballe interpretar pezas ao piano.
En Santiago de Compostela cursou o Bacharelato Universitario e despois marchou a Madrid a estudar Ciencias Naturais. Alóxase na famosa Residencia de Señoritas, onde vive nun enriquecedor ambiente cultural, pero os seus estudos vense interrompidos: en 1936 prodúcese o fatídico golpe de Estado franquista e as aulas pechan tras o estourido da Guerra Civil. Volve entón a Ferrol e, afastada das calamidades da guerra, aproveita para aprender idiomas e ir á beira do mar, á praia de Doniños, onde lle gusta pasar tempo estudando a fauna e a flora. Cando remata a guerra, volve a Madrid e finaliza a carreira.
O océano é a súa paixón.Talvez pola súa inmensidade decida especializarse nos organismos máis diminutos que acolle: o plancto. A súa andaina como oceanógrafa comeza no ano 1950 no Instituto Español de Oceanografía de Vigo e, a partir de aí, investigará e publicará os seus achados prestixiosos institutos de todo o mundo. Durante a súa estadía en Inglaterra, convértese na primeira científica muller que forma parte da tripulación dun barco británico de investigación e, ao longo da súa vida, participou en expedicións científicas a bordo de buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España ou México.
Chegou a descubrir vinte e dúas novas especies de organismos mariños e dous exemplares de plancto foron bautizados co seu apelido: o Aidanosagitta alvarinoae e a Lizzia alvarinoae.
Na actualidade, un dos cinco buques do
Instituto Español de Oceanogradía suca os mares levando o seu nome.
Anaír Rodríguez, Pioneiras galegas
que abriron camiño
ACTIVIDADE
A galega Ángeles Alvariño foi a primeira
científica muller que formou parte da tripulación dun barco de investigación. E
vós, como vos vedes dentro duns anos? Contádenolo! Facédeo a través dun vídeo
ou dun comentario.

Comentarios
Publicar un comentario