Saltar ao contido principal

A situación da lingua galega na literatura




A lingua tamén forma parte da nosa identidade e tamén é unha das manifestacións culturais que fundamentan a identidade dun pobo. A oralidade é a manifestación da lingua viva, polo tanto é dinámica e varía, dependendo do uso que se faga dela. Deste xeito, a través da fala, un pobo mostra a súa identidade, posto que rebela a diversidade, os conflitos ou as tendencias presentes na súa sociedade.

En Galicia, a existencia de dúas linguas (o galego e o castelán) parece que conforma a existencia de dous pobos diferentes, marcados por este trazo. Por unha banda, o pobo urbano, castelanfalante na súa maioría, e por outra, o pobo rural, onde o galego é a lingua predominante. Nada máis lonxe da realidade! As linguas están aí para que nos acheguemos a elas. A nosa orixe, a lingua que falan os nosos familiares máis achegados, a lingua da nosa realidade, non determina definitivamente a nosa identidade. Nós mesmos debemos ir, pouco a pouco, configurándoa.  

Non lembro exactamente o momento en que Comedia bífida de Manuel Núñez Singala chegou ás miñas mans, pero si lembro que dende que o fixo veu para quedar. Esta é sen dúbida unha das miñas obras literarias favoritas, non só polo contido, senón pola forma no que está contada. Esta obra teatral recolle moi ben cal é a situación da nosa lingua, da lingua galega, en Galicia. Deste xeito, o libro achéganos a unha realidade que moitos vemos e que outros igual non queren ver, a través de diversas personaxes: divinas e humanas. Deus, San Pedro ou Luci fronte a Diña, Eliseu ou Pepe, os primeiros en defensa da lingua e os segundos xustificando a súa actitude lingüística. 

Polo tanto, esta obra non é outra cousa que un xuízo á lingua, ao emprego que dela facemos os galegos e galegas. Anímovos a lela porque seguro que vedes reflectidas moitas situacións que a diario vivimos co galego e ídesvos dar conta de que algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin San Pedro, tal e como din na contraportada do libro. Achégate á obra a través da seguinte ligazón, seguro que non te arrepintes.

E desta mesma temática, tamén me gustaría recomendarvos Made in Galiza de Séchu Sende, un libro de relatos que tamén nos fala da nosa situación lingüística. Gustáronme moito diversos relatos como:

Instrucciones para aprender a hablar gallego

- Estudo sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos das drogas

- Madrith

- Método de autohipnose para falar galego

- Estou contigo


Agora mesmo estou lendo Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, mais teño moitos títulos pendentes na miña biblioteca persoal. Recoméndasme algún máis? Encántame ler! Por certo, son Rocío 😃



Comentarios